sábado, 27 de febrero de 2010

O GRAN ACONTECEMENTO FILOSÓFICO INTERNACIONAL EN GALICIA

En La Voz de Galicia (26/02/2010) por E. Larriba: “A Semana Galega de Filosofía cargará as tintas contra o modelo capitalista”: Destacados especialistas analizarán a «incompetencia» do modelo económico vixente e as posibles alternativas.
Unha lámina de Castelao cos actores do gran drama da opulencia e a pobreza ilustra o programa da vixésimo sétima edición da Semana Galega de Filosofía, que do 5 ao 9 de abril abordará o omnipresente tema da economía na grave situación de crise actual e porá en cuestión o modelo capitalista vixente como única alternativa posible.
A base argumental da Semana é que o actual modelo económico, seriamente trastornado por unha das crises máis marcadas dos últimos tempos, «está amosando a súa incompetencia para proporcionar ao seres humanos os medios necesarios para a súa convivencia pacífica».
Segundo explicou onte o seu presidente, Carlos Calviño, a Aula Castelao de Filosofía parte da formulación de que estamos ante un sistema capaz de xerar grandes masas de capital, pero dunha forma totalmente desproporcionada, o cal, unido á deterioración progresiva das condicións de habitabilidade do planeta, «fai que as diferenzas sexan cada vez máis marcadas, convertíndose en focos de grandes conflitos». E engade que a necesidade dunha crítica á economía de mercado como única alternativa de organización socioeconómica, «vese acrecentada nun momento no que ou sistema consumista mostra toda a súa crueza golpeando aos máis febles».
A reflexión proposta pola Aula Castelao estrutúrase en tres grandes áreas: a análise crítica da economía, a situación en Galicia e o debate da mundialización. Manterase o esquema de anos anteriores. As sesións de mañá estarán dedicadas á parte máis teórica e reflexiva, as de tarde centraranse no caso galego e nas de noite abordaranse temas máis amplos para o gran público.
A análise crítica do liberalismo, as alternativas neomarxistas e a vinculación entre o sistema económico e político, serán obxecto de cinco relatorios a cargo dos profesores Paz Moreno Feliu, Coral do Río, Michael Löwy, Jacques Bidet e Andrés de Francisco, que reflectirán as actuais correntes de pensamento ao redor da economía.
Entre estes relatores destacan os dous de orixe francesa. Löwy falará da crise do modelo capitalista de consumo asociándoa coa crise ecolóxica e expondo a posibilidade dunha alternativa política a este modelo, o ecosocialismo. Pola súa banda, Bidet referirase ao «Altermarxismo no debate actual sobre o comunismo» e analizará a situación socioeconómica liberal actual en termos de propiedade e competencia, de «mercado» e de «organización da produción».
A problemática específica de Galicia en materia socioeconómica será abordada polos profesores Xavier Vence, Federico G, Martín Palmeiro e Ubaldo Martínez Veiga. Intervirán ademais de Lidia Senra, membro do Sindicato Labrego Galego e da Coordenadora Europea Vía Campesiña, e os historiadores Dionisio Pereira González e Bernardo Maiz. Aplicarán ao contexto galego a crise do neoliberalismo e a pegada ecolóxica e exporán outros temas propios como a modernización do campo e o despoboamento rural ou o movemento sindical.
Outros pensadores achegarán unha ampla visión da mundialización económica e política e o que supón. Pye Jakobsson, Antonio Boncompain, Joaquín Sampere e Arcadi Oliveres tocarán temas como o traballo sexual sen regular, o dominio e a cultura pop (econopop), o decrecemento actual e responderán á gran pregunta de se a política está ao servizo dos cidadáns ou se realmente está ás ordes da economía.
A Aula Castelao renderá este ano homaxe a Xosé Manuel Beiras, ex dirixente do Bloque Nacionalista Galego, que pronunciará a lección de clausura da Semana de Filosofía cunha análise da actual situación de crise económica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario